Wednesday 01 de May de 2024

Sesenta e cinco nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP de Pedrouzos visitan a Casa do Concello de Brión


Os pequenos preguntaron polo funcionamento do Concello e pediron unhas melloras no colexio, que o alcalde comprometeuse a facer

Un total de 65 nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP Pedrouzos, de entre 9 e 10 anos de idade, visitaron esta mañá as instalacións da casa consistorial de Brión, onde foron recibidos polo alcalde José Luís García. A rapazada chegou a media mañá e percorreron as distintas dependencias municipais para coñecer o traballo que se fai nelas.

Os momentos máis divertidos da visita tiveron lugar no salón de plenos, onde os pequenos tiraron de espontaneidade e non deixaron de facer preguntas. José Luís García explicoulles dun xeito resumido o proceso electoral no noso país, como se elixe ao alcalde e as competencias que ten un Pleno municipal. Os pequenos preguntaron por como se facían as votacións e amosaron a súa sorpresa polos micrófonos cos que se gravan as sesións, “porque aínda que case sempre chegamos a un acordo, hai ocasións nas que nin nós mesmos lembramos exactamente o que dixemos”, bromeou García.

Peticións

Os nenos e nenas aproveitaron a visita para dar lectura a un escrito cunha serie necesidades no centro escolar: mellorar o patio, acondicionar e pintar os campos de fútbol, plantar máis árbores, mellorar a calefacción (“pois na planta baixa pasamos calor e na aula de informática hai que subir coas cazadoras”), arranxar a porta da aula de inglés e algún dos baños. Ademais indicáronlle ao alcalde que “o cole empeza a quedársenos moi pequeno”.

José Luís García explicou que “son cousas máis que razoables polo que espero que no prazo dun mes poidamos ter solucionadas a cuestións do patio, das árbores, da calefacción e da porta desa aula”, que se sumarán á recente instalación dunha fonte e dun aparcadoiro para bicicletas. Porén, o alcalde indicou que a ampliación do colexio é unha cuestión que non é competencia municipal. “Estamos aumentando o número de nenos e nenas e xa temos falado coa dirección do colexio para que, no caso de que haxa que pedir unha liña máis, solicitarlle á Xunta que nos amplíen as instalacións”, explicou García.

Ao rematar o acto, García entregoulles como agasallo un pin co escudo de Brión, explicándolles que leva seis torres e a cabeza dun lobo porque eran os emblemas dos Condes de Altamira. Un momento na que os pequenos empezaron a facer varias preguntas relacionadas co lobo xa que, como contou un dos presentes, atacaran ás ovellas dun veciño hai un tempo.